A Nosa Terra Newspaper, Saturday, 14th June 2008 (spanish)
COS PROXECTOS FIN DE CARREIRA Fernando Aguado: 'Moitos alumnos traballarán no satélite' Manuel Vilas . Fernando Aguado é o home do día en Galiza. Este profesor da Universidade de Vigo lidera o equipo seleccionado pola Axencia Espacial Europea para desenvolver un satélite de investigación que se lanzará este inverno. Nesta conversa adianta os detalles da construción do 'picosatélite' Dieste.
Fernando Aguado, profesor da Universidade de Vigo que dirixirá o deseño do satélite Dieste. UVIGO
Por que se lle chama 'picosatélite'? Conta con todos os elementos de calquera satélite, pero usa compoñentes de nanotecnoloxía e baixo consumo enerxético. Por exemplo, ten placas solares moi pequenas porque necesita moi pouca enerxía para funcionar. Tamén circula a unha órbita máis baixa que os satélites xeoestacionarios. Que vantaxes ten este tipo de satélites sobre os convencionais? O tempo de desenvolvemento é moito máis curto, de un a dous anos. O custo tamén é unha diferenza. Os máis baratos dos 'normais' valen decenas de millóns de euros, mentres que o Dieste terá un orzamento aproximado dun millón de euros. Como se decidiron a tentar colaborar coa Axencia Espacial Europea? A Axencia fixo unha convocatoria de propostas para a carga útil do voo inaugural da nova lanzadeira Vega, no que eles asumen o custe da posta en órbita. Tamén estipulaban unhas condicións, como que o volume sexa só dun decímetro cúbico e un quilo de peso. Na redacción da proposta participamos a Universidade, o INCA, RETEGAL e o Ministerio de Ciencia. Empezamos a traballar nela a finais de 2007, pero ante xa tiñamos algúns aspectos adiantados. Dos sistemas do Dieste, cales estarán feitos pola Universidade de Vigo? Desenvolveremos un sistema de comunicacións de satélite reconfigurábel, que sexa útil para próximos lanzamentos, en colaboración co INCA. Tamén crearemos un novo sistema para maximizar a potencia deste tipo de satélites. A nivel persoal, debe significar moito para o seu equipo... É unha satisfacción enorme porque ademais é un proxecto moi focalizado na educación, con moito espacio para novas investigacióna. Moitos alumnos licenciados e de grao poderán participar cos seus proxectos fins de carreira no satélite. Imos integralos a moitos deles, uns 30 ou 40, no seu desenvolvemento mantendo as pautas de calidade que se esixen na industria espacial. Tamén colaborará unha firma de telecomunicacións de Pontevedra, Raminova Tech., que xa firmou un convenio para contratar dúas persoas. O ano pasado a Xunta apuntou a posibilidade de lanzar un satélite de telecomunicacións galego para, entre outros fins, levar a internet de alta velocidade ao rural; idea que o final desbotou. Permite o Dieste pensar que é posíbel que Galiza lance un satélite de telecomunicacións? Eu creo que si, trátase de lograr o mesmo obxectivo pero cun enfoque diferente. Isto pode ser un punto de partida, un paso previo, porque nós tivemos que limitar o noso proxecto ao que pedía esta convocatoria.
|